IESGA manifesta o seu total desacordo coa enquisa sobre a lingua na escola
-É unha enquisa que carece de fiabilidade e validez, tanto a enquisa en si como o proceso e o tratamento e presentación dos resultados
-A participación dos pais e nais no ensino dos seus fillos non debe usarse de forma demagóxica para xustificar unha política lingüística que vai en detrimento do Galego
-IESGA pide a paralización da redacción dun novo decreto que abre as portas á segregación lingüística
A coordinadora de Universidades de IESGA, Azucena Rodríguez, manifestou onte o desacordo da súa organización coa enquisa do galego que a Consellería de Educación fixo nos últimos meses. Unha enquisa que carece de fiabilidade, un proceso que carece da transparencia necesaria e que parece esconder moitas cousas e mostrar só aquelas que lle interesan o goberno.
Aqueles que enchen a boca dicindo que a lingua non debe ser un elemento de confrontación son os primeiros que están traballando para que isto sexa así, a responsabilidade do goberno é a de defender e apoiar a nosa lingua, non facer referendums absurdos que carecen de sentido e validez.
As palabras feitas hoxe públicas polo Secretario Xeral de Política Lingüística abren as portas a una segregación dos nenos e nenas por linguas, o que botaría por terra o modelo educativo galego. O modelo vasco aílla ós rapaces e rapaces polo idioma no que fala, algo inadmisible na sociedade galega na que as dúas linguas conviviron sen problemas ata a invención dun conflicto lingüístico que creou o PP na pasada campaña electoral.
A participación dos pais e nais na escola é fundamental para mellorar a educación, pero o que está a facer este goberno é usar de forma demagóxica esta participación, que en ningún caso é real senón un engano vendido na prensa por quen agora se erixe en adalid da participación.
A maioría das enquisas respostadas pertencen a pais e nais que escolarizan os seus fillos e fillas nas escolas privadas, polo que dende logo é unha mostra que en ningún caso representa a todos os pais e nais, polo que non permite xeralizar sobre a opinión da sociedade. A pouca seriedade coa que se está a facer este proceso da unha idea da pouca importancia que este goberno lle da á lingua e á educación, antepoñendo os intereses do Partido Popular os de todos os galegos e galegas.