Propostas para a nosa Universidade

Eleccións a representantes do estudantado

4 de Decembro

Cartel da campaña

Ordeación académica

  • Creación dunha comisión que se encargue do completo cumprimento dos nosos dereitos recollidos no Regulamento de exames.
  • Atallar o alto fracaso académico. Algunhas das solucións que propoñemos son:
    • Analizar en profundidade a situación das numerosas "materias tapón", aquelas cunha altísima porcentaxe de suspensos, e achegar solucións reais
    • Diminución da ratio profesor/a alumno/a.
    • Asociar malos resultados na Enquisa de avaliación docente a cursos de adaptación pedagóxica obrigatorios para o profesorado
    • Reciclaxe de profesorado para adaptarse ás novas situacións de ensino-aprendizaxe
  • Publicación das notas provisionais, horario de revisión e notas definitivas en internet e por SMS de modo obrigatorio para todo o profesorado, nos mesmos prazos que nos taboleiros.
  • Sistema progresivo no custo da matrícula dos/as alumnos en función da renda familiar
  • Eliminación das desproporcionadas penalizacións por segundas e sucesivas matrículas, ou calquera outro tipo de recarga que castiga o estudantado.
  • Control dos prezos dos cursos de formación complementaria, de modo que non se poñan prezos desorbitados que non lle permitan acceder ao estudantado en xeral.

Novas tecnoloxías

  • Dotación dos medios audiovisuais necesarios para que os labores docentes posúan a calidade adecuada.
  • Mellora da rede inalámbrica Wi-Fi.
  • Instauración de titorías virtuais en todas as facultades/escolas.
  • Mellora das webs dos centros e departamentos, así como da web da universidade, que debería estar traducida a castelán e inglés.
  • Fomento do software libre e adquisición de equipos e modernización dos actuais ata chegar a unha adecuada proporción de ordenadores útiles por alumno/a.
  • Vicerreitorado específico  de Novas Tecnoloxías.

Espazo Europeo de Educación Superior

  • Campaña informativa sobre o Espazo Europeo de Educación Superior na que se explique o cambio de sistema, as diferenzas fundamentais, as implicacións para o estudantado que xa está a cursar unha titulación, et cétera.
  • Fomento da participación do estudantado na elaboración dos novos plans de estudo.

Información ao Estudantado

  • Creación de antenas informativas nos diferentes centros que difundan a información de interese.
  • Cursos de libre configuración abertos a todo o estudantado, gratuítos, que permitan o acceso a materias doutras carreiras.
  • Servizo de asesoramento ao estudantado de primeiro curso, espazos de información en todos os centros na primeira semana de curso.
  • Información sobre os asuntos que se tratan nos órganos de goberno e que se creen espazos específicos para amosala en cada centro.

Bolsas de axuda ao Estudo

  • Sistema de bolsas que cubra como mínimo o 40% do estudantado e no que primen os criterios de renda sobre os académicos.
  • Eliminación de trabas ao estudantado que compatibilice estudos e traballo.
  • Posibilidade de matrículas en medios cursos incluso tamén en 1º curso.
  • Aumento da contía e cantidade das bolsas de colaboración, recoñecendo a súa prestación laboral.
  • Mellorar o sistema de bolsas tendo como horizonte o modelo nórdico de bolsas-salario, que lles cubra aos estudantes necesidades económicas máis alá das simplemente académicas.

Bibliotecas e aulas de estudo

  • Apertura das bibliotecas universitarias 24 h en época de exames.
  • Habilitación das aulas baleiras en tempada de exames como salas de estudo.
  • Reforma das bibliotecas para convertelas en espazos abertos nos que se poida traballar, que non sexan simplemente almacén de libros.
  • Programas de formación de usuarios nas bibliotecas (busca documental).
  • Accesibilidade directa a todos os fondos das bibliotecas e equiparación do empréstito entre alumnado e profesorado.

Os nosos dereitos

  • Garantir nas notas o anonimato do estudantado.
  • Establecemento dun protocolo para que se  informe con tempo cando falte algún profesor/a.

Estrutura da Universidade. Modelo Participativo.

  • Fomento e apoio do asociacionismo universitario.
  • Recuperación da autonomía universitaria, tanto na súa xestión como na súa política interna (non á inxerencia do mundo empresarial en calquera dos seus órganos).
  • Esixencia dunha composición democrática de todos os órganos das universidades (eliminación de maiorías absolutas e fixación de mínimos para todos os sectores, eliminación de designacións «a dedo»…), e maior control e definición das competencias dos órganos unipersoais, como por exemplo nos institutos universitarios.
  • Recuperación do papel do Claustro como centro da vida democrática da universidade, en detrimento do exceso de atribucións do Consello de Goberno.
  • Recomposición do Consello Social como organismo composto por movementos sociais en lugar de empresas.
  • Negación de subvencións e axudas ás universidades privadas con fondos públicos.
  • Lograr que sexan criterios académicos, humanísticos, científicos e de interese público os que determinen a configuración dos cursos de grao e posgrao, non criterios economicistas, mercantilistas ou de elitización da educación.
  • Xestión pública dos servizos universitarios (comedores, cafeterías, reprografías...) con prezos destinados únicamente a cubrir custos e con boas condicións laborais para os/as traballadores/as.
  • Ata lograr a xestión pública, obriga para as empresas contratistas de garantir unhas condicións laborais dignas ós traballadores.
  • Prioridade ás empresas que ofrezan reinvestimento en actividades universitarias, produtos de comercio xusto e prezos máis baixos.
  • Apoio ao actual método de elección do/a reitor/a por sufraxio universal.
  • Defensa da universidade pública, como a única que garanta a igualdade de oportunidades, promovendo unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria. Reclamaremos sempre un modelo de educación pública onde a universidade responda á consecución duns fins sociais, humanísticos, científicos, culturais e de interese público, e non a outros. Concibimos a universidade como unha institución co deber de xerar, preservar e transmitir o coñecemento.
  • Fomento da universidade, ademais, como institución permeable aos acontecementos sociais que suceden ao seu redor, e tamén como motor de transformación social, como un espazo plural e diverso onde os/as cidadáns poidan formarse humanamente e desenvolver unha conciencia crítica e unha cultura ampla, á marxe dos seus estudos particulares.

Mobilidade, programas de intercambio e estudantado doutras comunidades

  • Aumentar o número de destinos e prazas dos programas de mobilidade.
  • Esforzarse en facilitar a integración dos estudantes acollidos e apoialos na búsqueda de vivenda.
  • Promover os intercambios didácticos e as colaboracións internacionais entre centros e materias.
  • Ampliar a oferta formativa lingüística.
  • Crear un foro Erasmus no que se poidan achegar ideas para mellorar a nosa universidade en base ás experiencias da xente doutros países.
  • Fomentar o bilingüísmo administrativo para que todo o mundo poida acceder á información en igualdade de condicións.
  • Estudar a posibilidade de que o inglés sexa unha lingua válida para a realización de exames e presentación de seminarios e traballos de final de carreira.

Cultura

  • Promover o intercambio de coñecementos entre centros, con cursos impartidos por alumnos, xornadas de divulgación con conferencias e actividades, actividades de formación que promovan a conciencia crítica. Aproveitar a relación con outras universidades para divulgación de culturas e expresións artísticas.
  • Desenvolvemento do Centro de Linguas como lugar de educación en linguas e culturas para unha gran maioría de estudantes da UDC, e matrícula deste en función de renda e carné de familia numerosa

Servizos e Infraestructura

  • Iluminación e conexión entre os campus de Elviña e a Zapateira de forma gratuíta.
  • Diminuír a burocratización/exceso de trámites administrativos para os servizos (tarxeta milenium, rede inalámbrica...)
  • Instalación dun caixeiro na Zapateira no que se poida recargar a tarxeta universitaria.
  • Sinalización da curva da cafetería de Ciencias como curva perigosa.
  • Carril bici ben sinalizado.
  • Creación dunha liña de bus pola Ronda de Outeiro, recuperación dos buses de barrio, máis liñas nas horas puntas.
  • Marquesiñas en todas as paradas do bus universitario.
  • Mantemento e mellora das instalacións deportivas da universidade.
  • Adaptación de todos os edificios e instalacións universitarias ás necesidades de todos/as os/as estudantes e traballadores/as con discapacidades.
  • Extensión do menú vexetariano a todos/as os comedores universitarios e elaboración dunha programación de dieta específica, comida sen glute e información sobre as diferentes comidas.
  • Creación dun mercado de libros usados para os/as alumnos/as xestionado polas asociacións de estudantes.
  • Creación dun Centro para a Vida Social, que servirá para:
    • Actividades académicas: salas de estudo diúrnas e nocturnas en período de exames, de traballo en grupo, etc.
    • Actividades non académicas: salas para exposicións de membros da comunidade universitaria, asociacións, artistas da cidade, outras entidades, etc.; salas para debates, videofórums, conferencias, charlas, etc.
    • Vida social universitaria: cafetería e restaurante, sala para concertos e sala para festas de facultades/escolas.
  • Maior número de prácticas en empresas e institucións públicas en condicións laborais dignas e cun seguimento efectivo das tarefas realizadas e a súa adecuación á materia.
  • Creación dun polo de residencia, servizos e comercio no Campus de Elviña-Zapateira, no que se podería situar o Centro de Estudantes.

 

Desenvolvemento sostible

  • Minimizar o número de residuos que xera a universidade, mediante a reutilización, a recuperación e a reciclaxe.
  • Instalación de papeleiras de reciclaxe e plan de aforro de papel.
  • Creación de máis espazos verdes.
  • Plan de Aforro enerxético.
Comic felipe