IESGA contra a suba das taxas
A suba de taxas de matrícula universitaria publicada no DOGA (No137 do 16 de Xullo) é para o curso 2007/08 dun 4% xeral respecto o último ano en primeira matrícula, dun 15% na segunda, un 35% na terceira e un 50% na cuarta, quinta e sexta matrícula. Dende Iniciativa Estudiantil Galega queremos manifestar o noso desacordo con esta suba que consideramos non só abusiva, senón tamén manifestamente inxusta para o estudantado. Falamos do sistema universitario galego como un sistema que está inmerso no proceso de Boloña, no que se fomenta a responsabilidade do alumnado e profesorado no proceso de ensinanza-aprendizaxe,
polo que penalizar exclusivamente o alumnado cun incremento en segundas matrículas e posteriores de ata un 50% semella un castigo moi esaxerado para o alumno ou alumna que suspende, sen ter en conta a responsabilidade do profesorado nestes suspensos.
Por outra banda, esta penalización que sofre o alumnado non é a sufrida polo profesorado cando nas avaliacións de calidade resultan estar moito por baixo do que sería desexable.
O incremento das taxas de matrícula universitaria que non vai parello o incremento de bolsas ou da mellora da calidade do sistema, non é dende logo unha medida de xustiza social. As taxas de matrícula non se establecen en función da renda anual, senón que son iguais para todos, aplicando o concepto de igualdade, pero deixando fora o concepto de equidade no que o reparto se fai en función das necesidades e posibilidades.
Esta medida semella o comezo dun camiño de volta a unha universidade de élite, universidade á que só poden acceder ou permanecer nela aqueles que dispoñen de maiores posibilidades económicas.
| Adjunto | Tamaño |
|---|---|
| IESGA contra a suba de taxas.pdf | 23.89 KB |