Comparecencia na Comisión permanente para o estudo da situación da mocidade

Bos días

Quero en primeiro lugar agradecer no nome da organización á que represento e no meu mesmo a oportunidade brindada con esta comparecencia, sempre será unha boa nova para nós que aqueles sobre os que recae a responsabilidade do deseño e execución das políticas públicas non so teñen a ben, senon que deles parte escoitar o que a mocidade ten que dicir respecto á súa situación, un paso máis da democracia representativa cara á democracia participativa.
Comezarei a miña intervención facendo unha breve reseña da organización que veño representando, xa que o que hoxe vimos expresar aquí non é máis que unha exposición organizada daquelo polo que vimos traballando dende 1.996 e que se constitúe como obxectivo fundamental da nosa organización.

Iniciativa Estudiantil Galega é unha asociación de estudantes progresista e galeguista que cre profundamente no sistema educativo público como piar do estado de benestar, e ten como obxectivo fundamental a consecución dun ensino público, laico e de calidade para todos e todas, en termos de igualdade e equidade. Cremos e defendemos un ensino de calidade que non se limite á mera transmisión de contidos e á perpetuación e reproducción do xa instaurado, un ensino no que a participación, a construcción e a crítica sexan a base dunha aprendizaxe significativa que integra teoría e práctica, un ensino que teña como fin a formación integral de tódalas persoas, xa que será este o único modo de conseguir unha sociedade plural, máis xusta, máis crítica e participativa, en definitiva, unha sociedade mellor.

Comezamos a nosa análise pola profunda transformación que está a sufrir a nosa Universidade co proceso de adaptación o Espazo Europeo de Educación Superior. Consideramos que ésta é unha reforma eminentemente positiva no fondo, pero tamén aporta cuestións canto menos perigosas para a continuidade dun sistema público, e parece unha reforma demasiado ambiciosa pola profundidade da mesma para os tempos que ten marcados, e o investimento que parece levar consigo.

Valoramos moi positivamente o cambio paradigmático que supón esta reforma para unha universidade anquilosada en épocas pasadas; o paso da lección maxistral á construcción activa da aprendizaxe, o rol activo do profesorado e alumnado contra un proceso pasivo/receptivo e unidireccional, o desenvolvemento de competencias contra a memorística e reproducción de contidos… pero cuestionamos tamén o investimento feito contra o necesario para a aplicación satisfactoria de dito sistema, xa que, dende o noso punto de vista é canto menos, insuficiente. Non debemos esquecer que a mera publicación dunha lei no Boletín Oficial do Estado e os seus sucesivos decretos non é suficiente para que estás se apliquen na súa totalidade, basta con botar unha ollada á recenté historia da educación neste país para comprobar tal afirmación. Se o investimento non é o necesario en termos económicos, e polo tanto non investimos nunha imprescindible formación do profesorado universitario para asumir e traballar cunha metodoloxía totalmente diferente, a aplicación pode quedar reducida á parte administrativa, o que eliminaría por completo as maiores potencialidades da reforma, que realmente fan que se minimicen ou se lle reste importancia ós erros da mesma.

Con isto referímonos ás posibilidades de manipulación e intrusión que pode adquirir a empresa privada no sistema público a través da nova configuración do sistema, logo, a posible mercantilización do ensino público, unha cuestión que non carece de importancia nun mundo no que o capitalismo imperante se consolida como sistema imparable e inagotable, e no que o sistema educativo público é o maior e máis importante elemento de loita co que contamos para evitar as desigualdades que comporta dito sistema.

Ademáis disto non podemos deixar de mencionar a suba das taxas de matrícula no ensino universitario do último ano. Unha suba que conta xa con seis anos consecutivos, e que está 1.6 puntos por riba do IPC estatal e 2 puntos por riba do galego, polo que coa mesma estamos dando as costas o ensino público, xa que dun modo encuberto se favorece a privatización da universidade pública mediante o financiamento da mesma a través das taxas de matrícula. Unha suba de taxas que nós consideramos inxusta por varias razóns; primeiro porque non leva consigo un incremento de bolsas que teñan en conta a base de equidade que debería rexer o sistema de financiamento da universidade pública, non se vislumbra unha política redistributiva nas bolsas que compense as desigualdades, todo o contrario, se entorpecen e reducen as posibilidades de acceso e continuidade na universidade pública. Tampouco se contempla unha política de mellora da calidade do ensino universitario, ou polo menos nos non a percibimos. Ademáis de todo isto a análise vai máis aló, porque esta nova situación penaliza e criminaliza os supensos, pero so responsabiliza dos mesmos o estudantado. Así, as taxas suben un 4% con respecto á primeira matrícula, 15% no caso da segunda, 35% no caso da terceira e dun 50% a partires da cuarta. Se miramos os índices de suspensos nas diferentes universidades galegas vemos que na maioría dos casos as materias nas que se chega a 3ª e 4ª convocatoria son case sempre as mesmas. Algo falla cando nunha materia suspende o 80% do alumnado, e probablemente non será porque este non estudara o suficiente ou non teña as capacidades requeridas. Pero, cando nos chegamos a cuarta convocatoria se nos incrementa a matricula un 50%, o profesorado segue facendo exactamente o mesmo que facía, non se penaliza o seu traballo, ninsequera se pon en dúbida. De feito, o profesorado pode solicitar quinquenios que incrementen o seu salario independentemente da calidade do seu traballo, calidade que non se mide o se é medida non ten apenas incidencia, e incremento que vai a conta das taxas que penalizan o suspensos do alumnado. Pois ben, se continuamos por este camiño volveremos á universidade de élite, á universidade na que se manteñen só aqueles que poden pagala, voltando en consecuencia a unha sociedade de élite na que as carreiras más valoradas e mellor remuneradas no mercado laboral están en mans daqueles que ostentan unha boa situación económica. Probablemente poidan interpretar este punto de vista como extremadamente catatrofista, pero facendo uso da pedagoxía propoño un exemplo bastante ilustrativo; a escola de Arquitectura da Coruña ten unha titulación de cinco anos con unha media de finalización que oscila entre os 9 os 11 anos, é, ademáis unha carreira extremadamente cara por todos materiais, impresións e demáis que require o longo da mesma. Se temos en conta a duración, os materiais necesarios, a suba de taxas que non leva consigo incremento de bolsas, e o alto índice de suspensos e materias que chegan a 3ª e 4ª matrícula, podemos inferir que estaremos perpetuando a sociedade de clases.
Ademáis, a pesar da nosa satisfacción polo incremento na cuantía e número de bolsas dos últimos anos por parte do goberno estatal, debemos reclamar que sigan subindo para aqueles que máis as necesitan, bolsas que non funcionen como premio a aqueles que teñen un mellor expediente, senón como factor corrector das desigualdades sociais e das situacións que isto comporta á hora de falar de igualdade no ensino e na sociedade. Por isto nos criterios de concesión das bolsas deben primar os niveis de renda como elemento fundamental por riba da nota media do expediente académico. Porque a excelencia con criterio fundamental penaliza a aqueles que ademáis de estudar se ven obligados a traballar e polo tanto non poden competir en igualdade de condicións.

E porque hoxe temos que falar de mocidade non podemos esquecer o resto de etapas da ensinanza previas á universidade, que merecen a mesma consideración ou incluso maior, por ser etapas determinantes no desenvolvemento da personalidade, e por tanto base da formación da cidadanía do presente e do futuro.

Os profesores e profesoras, as mestras e mestres son parte fundamental do proceso de ensino-aprendizaxe, son guías e transmisores do coñecemento, e como tal deben ter a mellor formación pedagóxica para escoller e desenvolver a metodoloxía máis adecuada. Pero a formación do corpo docente debe ir máis lonxe, o sistema educativo público adolece dun corpo docente máis formado, actualizado, de profesorado crítico que incida no desenvolvemento da crítica por parte do alumnado para a mellora do sistema, de alfabetización informacional nas aulas para o desenvolvemento de persoas competentes nos retos da sociedade da información. É por isto, porque defendemos rotundamente a aprendizaxe permanente ó longo de todo o ciclo vital, que consideramos fundamental a mellora da formación de base de mestres e profesores, así como a actualización permanente para aqueles que xa forman parte do corpo docente nas diferentes especialidades, fomentando unha formación permanente que realmente teña incidencia na posterior realidade das aulas, e non sexa simplemente un modo de cubrir horas para acumular incrementos salariais, ou un espazo de aprendizaxe que non ten ningunha transferencia nin mellora na práctica docente. Porque só se o investimento en educación se reflicte na mellora do capital humano poderemos acadar a sociedade democrática que anhelamos. E neste sentido debemos camiñar cara a total eliminación dos concertos educativos, e apostar decididamente pola calidade dun ensino público e laico para todos e todas, porque a escola debe formar persoas e non fieis.

Asimesmo debemos levar a cabo políticas educativas de redistribución do alumnado de colectivos desfavorecidos, eliminando así a conversión de centros educativos en guetos deseducativos. A atención á diversidade non é máis que unha resposta lóxica á propia diversidade dos individuos, á evolución da sociedade e ós diferentes procesos migratorios que se están a dar na actualidade, que convirten as nosas escolas, as nosas cidades en espazos multiculturais nos que as diferencias son vistas como oportunidades de aprendizaxe. A atención á diversidade require de novos profesionais nos departamentos de orientación dos centros, a perspectiva sociolóxica debe ser introducida para traballar en conxunto coa psicopedagóxica, de modo que se atenda as diferentes dimensións das persoas. Non debemos entender a diversidade simplemente como atención a persoas inmigrantes senón que os cambios na adolescencia, as novas conductas sexuais, os patróns de consumo de drogas, os novos modos de vida, os diferentes tipos de familias, ou os trastornos alimenticios son elementos que deben ser tidos en conta, e que requiren dun traballo conxunto de toda a comunidade educativa. Un traballo conxunto que ademáis do dito debe ter como obxectivo fundamental a construcción de cidadanía, a implicación na construcción do propio país, recoñecendo a lingua, o contexto, a idiosincrasia de Galicia, e dándolle cabida nos currícula, nos procesos de ensino-aprendizaxe, en definitiva, o noso sistema educativo debe ter como obxectivo fundamental construir país.

E nese traballo conxunto temos unha gran eiva neste país que é a posta en marcha das escolas para pais e nais dentro do sistema educativo, afondando nun sistema no que a colaboración entre escola e familia sexa plena, no que os pais e nais poidan adquirir coñecementos sobre as diferentes etapas da infancia e adolescencia, porque se o ensino non é colaborativo, se tódalas partes implicadas na educación dos nenos e nenas non forman un todo, os resultados serán moito menores que se traballamos en conxunto cun obxectivo común.

Debemos destacar moi positivamente o pulo da Formación Profesional neste país, o investimento en diferentes programas está mellorando a consideración social que efectivamente merece, así como a calidade da formación impartida nos diferentes centros. Programas como o FP Plus que traballa na creación de ideas, na integración de elementos prácticos como a creación de empresas, proxectos sobre a prevención de riscos laborais, potenciación das ideas para o emprendemento… son garantes do desenvolvemento de persoas que poden entrar no mercado laboral coas competencias adecuadas para desenvolverse profesional e persoalmente no mesmo.

Respecto á aprendizaxe de linguas somos un dos países europeos que menos competencias lingüísticas ten, a pesares de ser un dos que máis tempo lle adica o estudo dunha segunda lingua extranxeira, o que evidencia que existe un problema non abordado neste sentido. Isto e algo que tanto a nivel relacional como laboral é un handicap para a mocidade, xa que o feito de non ser competente noutras linguas pechas a portas do mercado laboral e, en moitos casos, tamén das relación persoais con xente doutros países. As bolsas Erasmus son un elemento positivo porque ofrecen as posibilidade de adquisición de competencias en linguas extranxeiras, e no último ano incrementaron preto dun 700% a súa cuantía, pero non podemos esquecer que esta oportunidade só é para aqueles que están na universidade, e que os programas de intercambio para o resto de etapas educativas deben estar igualmente potenciados.

Consideramos un feito positivo as medidas tomadas pola consellería de educación nos últimos anos coa creación de bolsas para o estudo no extranxeiro en réxime de inmersión lingüística nas diferentes etapas educativas, pero dende logo insuficientes para adquirir plenas competencias. Por iso apuntamos que debe haber unha total ruptura co sistema actual de aprendizaxe de linguas extranxeiras; introducindo a presenza de nativos/as nas aulas, favorecendo os programas de intercambio de longas estadías nas diferentes etapas educativas, potenciando as EOI, e modificando os prezos dos centros de linguas das diferentes universidades galegas cara a un sistema que teña en conta os tramos de renda no importe da matrícula.

Asímesmo a gratuidade dos libros de texto é unha medida importante que descarga ás familias dunha gran aportación económica, pero non é menos certo que sería fundamental que esta medida garantise a equidade sendo en vez de gratuita en función de tramos de renda.

Falamos ata o momento da participación como elemento fundamental de cidadanía nun contexto de educación formal, pero debemos destacar tamén a importancia da educación non formal e das asociacións como piar da mesma, e polo tanto parte responsable da construcción da sociedade civil. Neste sentido manifestamos un claro descontento respecto xa non á profusión, senón as dificultades que comportan as subvencións públicas, único medio de subsistencia para as entidades que, coma nós, non teñen ánimo de lucro. A difusión das axudas ás que podemos acceder é insuficiente, e na maioría dos casos ditas axudas non responden en absoluto ás necesidades das organizacións, burocratizan en exceso o proceso de presentación e xustificación, que ninsequera segue unha liña de actuación similar, ou que nos deixa tres meses entre o informe da concesión e a xustificación, obrigándonos con isto a duplicar ou triplicar o esforzo en cada convocatoria, o que para unha entidade sen ánimo de lucro que se nutre do voluntarismo das persoas, se convirte máis en poñer pedras no camiño que en facilitarllo. Isto evidencia un profundo descoñecemento sobre a realidade das asociacións, descoñecemento ou perspectiva equivocada, xa que o que se evidencia en base a isto é de novo unha actitude fundamentalmente paternalista no deseño das políticas de mocidade.

Os mozos e mozas somos protagonistas nos medios de comunicación como un colectivo eminentemente pasivo, desideoloxizado, sen valores, que só fai botellón… un colectivo criminalizado, tanto que ás veces parece que incluso tiveramos que pedir perdón por ser mozos ou excusarnos dicindo “son moza, pero responsable” coma se o feito de ser irresponsable fose inherente á nosa xeración. Os mozos e mozas de hoxe temos outros valores, distintos, diferentes, mellores ou peores; depende do punto de vista dende o que se mire, porque á fin e ó cabo os valores son unha contrucción social que muda co tempo, que evoluciona e fai evolucionar á sociedade. Parece éste máis un problema de conflicto xeracional que leva por bandeira aquelo de “calquera tempo pasado foi mellor”.

En base a isto aparecen as políticas de mocidade paternalistas, políticas nas que os mozos e mozas pouco temos que ver ou que dicir, somos o receptor pasivo de algo deseñado para nós, e se facemos un símil absurdo pola súa sinxeleza, poderíamos preguntarnos qué tipo de xastre sería aquel que fai un traxe a unha persoa simplemente mirando para ela de fronte, probablemente a apariencia poida ser boa, pero quedará simplemente neso, apariencia. Esta é a situación das políticas de mocidade, e a razón fundamental pola que na inmensa maioría dos casos, fracasan, adicandose máis á intervención reactiva que á prevención proactiva, con todo o que isto comporta.

E dentro das políticas de mocidade temos que falar tamén da educación afectivo-sexual dirixidas os mozos e mozas deste país. Políticas de mocidade que sempre estiveron baseadas na distribución de información sobre ETS, e centradas fundamentalmente na VIH-SIDA ou nos embarazos non desexados. Temáticas dende logo importantes, pero que deixan a un lado cuestións fundamentais que o longo da historia foron tabúes e resultan polo tanto reduccionistas. Ademáis de non ter moita efectividade como demostra a crecente taxa de embarazos non desexados en menores, así coma o uso da píldora do día despois como anticonceptivo de forma rutinaria. Existe polo tanto un erro de base, por unha parte a sexualidade dende a escola está tratada case na maioría dos casos dende un punto de vista exclusivamente biolóxico, destacando por riba de todo a reproducción. Isto significa que obviamos totalmente a dimensión psicolóxica e sociolóxica da sexualidade nas persoas, e reducimos este tema como dicía hai un momento a cuestións reproductivas e contaxio de ETS. Compre previr e non só actuar. Debemos informar para que as cousas que xurden de por sí do desenvolvemento se afronten con naturalidade é seguridade; non por poñer distribuidores de preservativos nos centros educativos incitamos ó sexo. Superemos o non o sexo do mesmo xeito que o non ás drogas, e cambiémolo polo “consumo responsable”, pola autonomía das persoas, enterrando por fin o discurso paternalista e sancionador que se configura como base deste tipo de políticas.

Neste sentido diriximos de novo a vista á necesaria formación do profesorado neste campo, así como á intervención doutros profesionais que complementen á intervención da educación regrada neste tema, pero sen esquecer que esta é unha cuestión que debe ser atendida en máis ámbitos que no da escola. Valoramos positivamente a creación dos centros Quérote, que non só se adican á distribución de preservativos, senón que dispoñen de persoas formadas que asesoran a mozos e mozas. A magoa deste tipo de centros é que se ubican fundamentalmente nas cidades, e que o seu horario de apertura non se complementa cos estilos de vida dos mozos e mozas xa que está pechado as fins de semana, días nos que sería absolutamente necesario o seu funcionamento.

E se falamos de asociacións e construcción de sociedade non podemos rematar esta comparecencia doutro modo que non sexa destacando un órgano fundamental como o Consello da Xuventude de Galicia. O CXG é o único órgano xestionado exclusivamente polas organizacións xuvenís, e polo tanto garante de independencia no seu funcionamento e toma de decisións. A pesar disto o apoio do mesmo dende a administración non é o esperado nin o necesario, perdendo en moitos casos posibilidades de alcanzar os seus obxectivos por limitacións económicas ou de espazo, a pesar de existir compromisos para modificar dita situación. Solicitamos pois que o Consello da Xuventude de Galicia teña o recoñecemento e autonomía que merece e do que outros consellos consultivos gozan.

Nos quedan moitos temas sobre os que falar; a situación dos investigadores, a importancia de educación para a cidadanía, a Educación Infantil como etapa educativa na súa totalidade, as galescolas e os seus procesos de selección de persoal, as excesivas facilidades para interinos nas oposicións de ensino e como revirte iso na calidade do mesmo, a potenciación da participación real do alumnado nos órganos de goberno, as residencias universitarias e o transporte… moitas cuestións que non deixan de ser importantes por non tratalas en profundidade, pero, vinte minutos de comparecencia non dan para máis.

Remato xa, pero pido a esta comisión que non interprete as nosas palabras como unha crítica ácida, senón como unha crítica constructiva, como parte dun proceso de avaliación orientado á mellora no deseño das políticas de mocidade e na consecución dun ensino público, laico e de calidade. Comparecemos pois, como avaliadores dun proceso do que somos protagonistas, pero no que na maioría dos casos só actuamos como espectadores alleos.

Descargar PDF

AdjuntoTamaño
Comparecencia estudo mocidade.pdf65.43 KB