Que é IESGA

 

IESGA é unha asociación de estudantes que se define fundamentalmente como unha asociación de mozos e mozas de  esquerdas, progresista e galeguista, que traballa e loita polos dereitos do estudantado, tendo sempre como base a igualdade, equidade e solidariedade.

Para facer realidade as nosas utopías traballamos en varios espazos; por unha parte  na representación do estudantado nos  diferentes órganos de goberno da universidade, que son aqueles lugares onde podemos defender os nosos dereitos, traballar para conseguir aquelo que defendemos, e facer uso da crítica constructiva para mellorar á Universidade. Por outra parte, adicamos parte do noso tempo a facer actividades culturais/formativas nas diferentes facultades, actividades que permitan coñecer novos espazos, traballar cuestións máis aló do estrictamente académico...actividades como mesas de debate sobre actualidade como o software libre, adopción por parte de parellas homosexuais, legalización/abolición da prostitución... ou cursos e xornadas sobre programación e deseño de xogos,  Habilidades Sociais e oratoria, inglés empresarial, Dereito Penal ou Internacional, a Constitución europea ou os 25 anos da Constitución, Igualdade de Xénero...son algún exemplo das actividades que vimos realizando nos últimos anos nas diferentes facultades.

IESGA non é unha asociación que está presente só na universidade, o noso compromiso esténdese a toda a sociedade; O prestige, a guerra de Irak, a exclusión social, a feminización da pobreza, o VIH-SIDA... tamén nos fixeron sair á rúa en varias ocasións, e volveremos a facelo sempre que consideremos que alzar a voz é necesario. Tamén formamos parte do Consello da Xuventude de Galicia, un espazo de participación para as asociacións xuvenís que funciona como interlocutor co Goberno en todo o referente a políticas de mocidade, ademáis de ser un centro de recursos fundamental para a mocidade galega.

Todo isto e máis porque pensamos e sostemos que a cidadanía se forxa coa reivindicación dos nosos dereitos e coa solidariedade coas causas xustas.

Só podemos dicirche que se es solidario e progresista, se es de esquerdas e cres que outro mundo é posible, se pensas que na Universidade é necesario que exista quen participe para garantir os dereitos do alumnado... este é o teu sitio. Anímate a traballar por facer realidade as túas reivindicacións.