Qué facemos
Como asociación de estudantes, Iesga traballa fundamentalmente en dous espazos; a representación do estudantado en órganos de goberno e a organización de actividades culturais nas escolas e facultades.
A presencia do estudantado nos órganos de goberno é básica se queremos defender os nosos dereitos, se queremos participar no deseño dunha universidade mellor, unha universidade da que realmente somos unha parte importante e non é só un lugar no que recibimos formación/información. Alí onde temos presencia, en aquelas facultades e escolas nas que temos representación propoñemos e realizamos actividades, reivindicamos dereitos e loitamos por conseguilos, denunciamos abusos e inxustizas, asesoramos o estudantado da forma máis directa que é o cara a cara nos nosos locais, facemos crítica constructiva para mellorar... por iso é fundamental ter representación en tódolos centros, porque aqueles nos que non temos representación tampouco temos voz. Evidentemente, cada facultade ou escola traballa por aquelas cuestións que lle atinxen máis directamente, ninguén mellor que os alumnos dunha titulación para saber cales son os problemas que urxe arranxar.
Nun dos nosos apartados atoparedes unha explicación sobre os órganos de goberno da universidade, pero se tedes calquera dúbida só tedes que enviar un correo a iesga@iesga.es ou pasar por calquera dos nosos locais dos que atoparedes a dirección no menu da esquerda en «onde estamos».
E ademáis da representación en órganos de goberno adicamos parte do noso esforzo a realizar actividades de formación de diferentes tipos; mesas de debate que duran unha tarde e tratan temas de actualidade como o software libre, abolición/legalización da prostitución, arquitectura social... nas que o estudantado pode preguntar, debatir e participar abertamente. Xornadas de varios días sobre diferentes temáticas como hablidades directivas, igualdade de xénero, banca e mercados, dereito penal ou internacional, constitución, deseño e programación de xogos... ou cursos de inglés empresarial ou oratoria son algunha das actividades que estamos a realizar nos últimos meses e que temos programadas para o curso 2008-09. (Podedes ver todas as actividades no calendario da esquerda)
Unha das novidades do último ano é o noso programa de radio «O Vibrador» na emisora CUAC FM, no 103.4 os Xoves de 22 a 23 h. Un programa feito por xente da nosa asociación no que se tratan temáticas de actualidade, información da universidade, sexo... un programa no que a diversión, formación e información son unha constante. (Podedes descargar os programas na sección de radio para escoitalos cando cada un e cada unha poida!!!)